martes, 7 de noviembre de 2017

Carta aos arqueólogos galegos

Carta abierta a Xulio Carballo, Lino Gorgoso e Israel Picón

Estimados amigos, colegas e compañeiros:

Pola amizade que nos une, queremos explicar detalladamente a nosa posición en relación á solicitude de firma do comunicado en defensa da profesión da arqueoloxía en Galicia. Escribimos nunha múltiple condición: como prehistoriadores/arqueólogos, pero tamén como docentes nunha escola de conservadores restauradores con especialización en arqueoloxía. Ademais, tamén na dobre figura, bastante infrecuente, de prehistoriador e conservador de arqueoloxía, e mesmo desde a presidencia dunha asociación profesional de conservadores (ACRE). Todas esas condicións complican pero enriquecen a nosa opinión, nun cúmulo de matices argumentais difíciles de ordenar. Tentarémolo.

Un de nós asinou o comunicado e o outro non, pero iso resulta bastante pouco relevante. En realidade o debate non é a resposta senón a pregunta tal e como está exposta, que nos deixa unha única e insuficiente alternativa (si ou non). Ambos poderiamos asinalo, ou ambos non: esa é a nosa postura compartida respecto dos documentos. Por unha banda, temos a sensación de que deberiamos asinalo, porque sentímonos tamén arqueólogos e porque nos solidarizamos e comprendemos as reivindicacións expresadas. A outra sensación compartida é de incomodidade e desasosego pola profesión de conservador restaurador de arqueoloxía, á que representamos e que nos permite non só vivir, senón -e iso é raro- sentirnos socialmente útiles. Desde ese punto de vista, non poderiamos asinar unha reivindicación que deixa fóra algúns aspectos que consideramos esenciais. E desde logo non podemos facelo sen emitir polo menos unha queixa, unha aclaración, esta carta.

En primeira instancia, queremos manifestar que, a pesar de que o comunicado é un documento estritamente reivindicativo, probablemente faltoulle debate e diálogo previo, de maneira que queda demasiado curto e resulta pouco pedagóxico. Na nosa persoal visión, o arqueólogo é moito máis que un descubridor, un xerador dun patrimonio antes descoñecido e agora desvelado e entregado á sociedade á que pertence en último termo. Esa condición impón ao profesional outra inmediata: asumir a responsabilidade da súa protección e transmisión completa ás xeracións futuras. O arqueólogo perdeu a súa liberdade, está atrapado nesa dobre responsabilidade de descubridor e coidador. O primeiro encargo é incuestionable; sobre o segundo queremos deternos máis longamente.

Nun artigo xa antigo, de gran influencia persoal para nós, Lipe (1974) indicaba a complexidade que a tarefa da protección impón ao arqueólogo: “these require archaeologists to become involved in all aspects of archaeological resource management, not just in the exploitive aspect”. Quizá inspirado por pensadores como Lipe, o primeiro artigo do código ético da Society for American Archaeology indica que: “The archaeological record, that is, in situ archaeological material and sites, archaeological collections, records and reports, is irreplaceable. It is the responsibility of all archaeologists to work for the long-term conservation and protection of the archaeological record by practicing and promoting stewardship of the archaeological record. Stewards are both caretakers of and advocates for the archaeological record for the benefit of all people; as they investigate and interpret the record, they should use the specialized knowledge they gain to promote public understanding and support for its long-term preservation”.

Gustaríanos saber se os arqueólogos, sexan os promotores ou os asinantes do comunicado, ou calquera que se autodefina como “arqueólogo” asumiría como propia esa esixencia, e se serían capaces de poñela en práctica. Sen pretender ser excesivamente acres, a nosa experiencia profesional e persoal indica unha escasa preparación en asuntos vencellados á preservación do soporte material sobre o que se constrúe o patrimonio e a historia. E máis grave que todo iso, unha preocupante falta de interese por esa carencia, o que debe ser cualificado como unha falta de atención ética e máis aínda, como unha irresponsabilidade cara a un patrimonio que nos pertence a todos.

Aínda que se mencionou xa, queremos incidir tamén nunha variable relevante que non percibimos no comunicado nin nos seus anexos. E nese contexto recomendamos encarecidamente ler a “Declaración de Faro”. Trátase dun documento de extraordinario interese, que discute as estratexias a medio prazo relativas á xestión do patrimonio cultural, por exemplo recoñecendo que “los derechos referentes al patrimonio cultural son inherentes al derecho a tomar parte en la vida cultural, consagrado en la Declaración Universal de Derechos Humanos”, ou o obxectivo insoslaiable da “conservación del patrimonio cultural y de su uso sostenible es el desarrollo de las personas y la calidad de vida”.

A nosa visión das profesións que se ocupan do patrimonio coincide plenamente co espírito dese documento. Por desgraza esa visión non aparece no comunicado. Gustaríanos ler que o patrimonio arqueolóxico é un ben social comunitario, e que a súa valoración e protección é a primeira das necesidades (éticas, non alimenticias) dos arqueólogos galegos. Máis aínda, e paradoxalmente, entendemos que só a mellora do recoñecemento social do patrimonio e a participación cidadá na súa xestión permitirannos sobrevivir, aos arqueólogos e resto de profesións do patrimonio.

Xa rematando, unha indicación sobre as necesidades de cooperación entre todas as profesións involucradas nesta inxente tarefa. De maneira supoñemos inconsciente, o comunicado mestura conceptos como “arqueólogo” ou “arqueoloxía”, “profesionais da arqueoloxía” ou “actividade arqueolóxica”, entre outros. Parece que esa confusión conceptual pretende inxenuamente unha reserva de actividade sobre un tipo de patrimonio determinado para unha única titulación, co que obviamente estamos en desacordo. ¿Debatemos que é a arqueoloxía e o arqueólogo? Cando se fala de “arqueoloxía galega”, ¿fálase dunha tipoloxía patrimonial ou dunha actividade profesional?¿Que é, que fai, un “profesional da arqueoloxía”?, ¿Quen son eses profesionais?.

Os lectores desta carta coñecen as demandas relativas á competencia do conservador restaurador (de arqueoloxía), que algún de nós reivindicou longamente. O Título Superior en CR é unha titulación especialista de 240 ECTS (ou sexa, un grao universitario), cunha formación interdisciplinar que inclúe boa cantidade de créditos sobre historia, prehistoria, etnoloxía, entre outras formacións complementarias que entendemos enriquecen a visión e competencias do futuro profesional (http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2012/20120417/AnuncioG0164-110412-0005_gl.pdf). Esas competencias non se reflectiron nun adecuado tratamento na lexislación ou na actividade real: todos coñecedes a escasa penetración dos titulados da ESCRBCG na “actividade arqueolóxica”. Paradoxalmente, vós mesmos propoñedes que “o profesional ten coñecementos suficientes de medicina e está habilitado para o exercicio da medicina. Pois, o mesmo queremos os arqueólogos; nin máis, nin menos”. Apuntámonos a frase e lembrarémosvola en canto teñamos oportunidade.

Por iso tamén o comunicado quédasenos curto, porque ignora a técnicos tan próximos a vós, tan imprescindibles. Os conservadores restauradores só pretenden / pretendemos ser considerados, ser visibles e útiles. Retomando as ideas iniciais, cremos na interdisciplinaridade porque entendemos que o patrimonio arqueolóxico pertence a toda a sociedade e merece a pena desenvolver unha actividade impecable sobre el. Entendemos que entre todos podemos facer un traballo mellor: non só vivir do patrimonio arqueolóxico, senón con el, favorecendo a súa perduración e recoñecemento. Como indicamos nun escrito recente, cremos que hai “un espacio de acuerdo en el que debemos trabajar todas las disciplinas, con todas las fuerzas de las que seamos capaces. Una idea fuerza que permita construir en las sociedades su propio concepto de patrimonio, el que sea y con los desajustes que sean. Sólo a partir de ese aprecio podremos debatir junto con ellas los matices, los sutiles desacuerdos que renovarán nuestro pensamiento conjunto”.

Resumindo, consideramos que os documentos propostos crean unha arriscada confusión conceptual sobre o que é ou debe ser a “arqueoloxía” como disciplina e os “arqueólogos” como profesión, pero ignorando que a clave de todo debe ser o “patrimonio arqueolóxico” e a sociedade á que pertence e á que nos debemos. Os documentos mesturan cuestións moi diversas e complexas: académicas, científicas, empresariais, laborais, de xestión... pero nese maremagnum faise obviamente imposible abordar o fondo da problemática. E, por encima, parece que se achega como hipotética e practicamente única solución unha perigosa tendencia excluínte. Se só falamos de titulacións habilitantes pero esquecemos mencionar a ética e os criterios de calidade nas intervencións estaremos a caer nun corporativismo mal entendido. Se nin sequera se alude aos gravísimos problemas históricos da protección e xestión do patrimonio arqueolóxico en Galicia, debemos entender que iso en realidade non lles importa aos que se chaman “arqueólogos”, porque consideran que esa tarefa non lles compete. Sabemos que non é así, e de aí esta carta, pero crer que a mera creación dun grao en arqueoloxía solucionaría eses problemas históricos parécenos cando menos inxenuo. Por suposto, compartimos a preocupación e o interese pola mellora na formación en arqueoloxía e pola lexislación que regula a actividade arqueolóxica, e amosámonos dispostos a debater e colaborar na súa mellora. Pero este documento confírmanos unha vez máis que segue existindo, máis ou menos inconsciente pero igualmente perigosa, unha certa concepción da “arqueoloxía” que ignora unha e outra vez á “conservación de arqueoloxía”.

No fondo e moi preocupante, parece que se contempla o patrimonio arqueolóxico como unha reserva exclusiva de traballo, non como unha oportunidade para mellorar o país. Corrixindo eses principios estaremos nun punto óptimo para empezar a construír un futuro mellor para o patrimonio, de acordo co pensamento social. Só despois poderemos falar de competencias e límites, esperemos que baseados na cooperación. Para ambos debates esperámosvos.

Fernando Carrera Ramirez e Álvaro Arizaga Castro
Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia

REFERENCIAS:
Lipe, W.D., 1974: “A Conservation Model for American Archaeology”. The Kiva 39 (3-4): 213-245.